|
|
MANOEL DE RIBADAIRA
Por toda a serra homes galgando de noite petan MANOEL CELA chamaron. MANOEL DE RIBADAIRA pros do lado
Rípanllo ós pais d´entr’os brazos e din que din que baixaron d´acabalo d’il polo REAL abaixo
din que lle prometía a escopeta dos caños i a cadeliña nova qu’il tiña ensinado e que non volveria aprovencer en anos que lle xancen un dedo pra levarllo en proba ós que mandaron matalo
Pasaron SAVANE e MEIRAOS de largo poucos o viron todos se ciaron
guindárono ó fondo sin rematalo botaron tras d’il seixos e lanchos algo viron e ouviron pastores do gado e trougo recado a probe co saco a avistar TEIXEIRA fixeron alto xunto á cova grande escolleron campo Volteou no aire ó primeiro disparo houbo logo un segundo un terceiro e un carto
Foi o concello de PARADA sacalo tuveron que pór dous liames atados
preso da cintura baixa seu pai imbaixo atado con fibelas e lazos cruzados soben a MANOEL morto logo ó pai de anos
pórtano en andas polo monte lampo atravesan lugares por un foco de espanto marcados pasos apelotonados
o que foi a pé é en andas tornado hastra SAVANE a tral’o adro
Volta REAL arriba concello calado todos co mesmo silencio cargados a PARADA chegan estase agardando didiante da casa o pobo acircado eilí vin eu nino de seis anos da mai i as irmás o pranto máis alto ate que unha a unha se foron esmaiando
Din que eran catro os que o pasearon e que todos iles morreron arrabeados catro eran son nomes que calo cómprese niste corenta contados
REALIZA:………….Equipo de biblioteca DEBUXOS:…………..Ana Pardo Valdés TEXTO:………………..Uxío Novoneyra MÚSICA:………………….Milladoiro Este é un traballo educativo. Se alguén considera que algún contido vulnera os dereitos de autor, pregámoslle nolo comunique, e será retirado de inmediato. BIBLIOTECA CPI “LUÍS DÍAZ MORENO” BARALLA (LUGO)
| URL: |
No comments posted yet
Comments