|
|
FLORA do río Lérez I
Árbores e Arbustos
Bosque galería na primeira liña do río
Os SALGUEIROS forman a primeira liña nas beiras do río. En galego reciben os nomes de: salgueiro, salgueira, salgueiro negro, salgueiro zao e zao que correspoden ás tres variedades comúns nos nosos ríos que son o salix atrocinerea, o máis común -na imaxe- o salix salvifolia e o salix viminalis
Familia: salicáceas Orde: malpighiais Xénero: salix Especie: salix atrocinerae O SALGUEIRO é unha árbore que pode chegar aos 10 metros de altura Clasificase como segue:
A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base da aspirina, os nosos devanceiros xa sabían das súas propiedades medicinais. A madeira servía para facer zocos e mangos de ferramentas agrarias O salgueiro enraiza tan fondo que mesmo se mantén na canle do río, aguanta ben as riadas e mantén a terra por iso é bo coidalos
Salgueiro ao pé da Ponte dos Tirantes
Seguindo a liña do río e dos seus afluentes é frecuente atopar VIMBIEIRAS ou salix viminalis. As súas pólas son moi flexibles –na foto movidas polo vento- e empréganse en cestería, para facer mobles e para atar as viñas
AVENEIRO, ameneiro, amieiro, pau do demo ou umeiro son algúns dos nomes galegos do alnus glutinosa a outra árbores de primeira liña no noso río, forma co salgueiro o bosque galería do río.
O AMENEIRO pertence á: Familia: betuláceas Orde: fagais Xénero: alnus Especie: a. glutinosa É unha árbore moi importante porque fixa o nitróxeno atmosférico, protexe o chan e crea illas de vexetación no seu entorno
A leña utilizábase para os fornos porque ardía pronto e daba moita calor. As follas eran utilizadas para sanar os pés doridos e para quitar o proído das picadas de insectos. é astrinxente e antitérmico, antirreumático e antihemorráxico. Tamén din que colocadas nos peitos das mulleres provoca a retirada do leite
BIDUEIRO, bido, ou bedolo son algúns dos nomes galegos da betula alba que se clasifica: Familia: betuláceas Orde: fagais Xénero: betula Especie: b. alba O bidueiro ocupa o terceiro lugar na liña do río
As follas son diuréticas e parece que tamén se poden utilizar para problemas de rils e vexiga. A madeira empregábase para facer artesas e zocos, tamén para facer mobles. A sabia empregouse para endozar e para facer viño e cervexa
Outro tipo de bidueiro é o pendular
Bidueiros no borde do río
CARBALLO. Aínda que o querqus robur é considerado como árbore de segunda liña nos nosos ríos, no Lérez e nos seus afluentes aparece nas beiras. como este fermoso exemplar en Forcarei O carballo pertence á: Familia: fagáceas Orde: fagais Xénero: quercus Especie: q. robur
A súa madeira é durísima e de gran solidez, xa que resiste a podremia incluso dentro da auga. De aí que servira para a construción dos navíos da Armada Española, dos barcos de pesca, para travesas de ferrocarril, para vigas e puntóns dos tellados, balconadas e para facer barricas e mobles. Arde moi ben e desprende moita calor polo que se empregaba para as cociñas pero tamén para as ferrerías e nas fábricas de curtidos o que fixo que case desaparecera en moitas zonas onde era moi abondo
As follas alimentan o chan, por iso baixo os carballos medran moitas plantas e fungos, ademais dan alimento e protección a moitos animais. En canto ao froito: a landra dábase aos porcos e serve de alimento aos xabaríns, e, nalgún tempo, serviu para facer fariña para pan e para cataplasmas
Ao redor dalgún carballo facíanse ritos para quitar o tangaraño aos nenos (raquitismo); tamén curaba as crebaduras dos nenos, lumbalxias e outras afeccións dos ósos. Asemade críase que eran eficaces contra meigallos, males de ollo, sombras, etc.
Non está no río pero está preto. O carballo de Santa Margarida (Mourente) ten moitos anos e pasou por moitas dificultades -no 1735 Frei Martín Sarmiento xa falaba da súa lonxevidade- Os vellos din que era a árbore do amor eterno, nós non estamos seguros pero sabemos que é forte, grande é vello e que foi santificado pero a lenda perdeuse
Carballo mirándose no río
Castanea sativa chamado en galego CASTIÑEIRO árbore clasificada como: Familia: fagáceas Orde: fagais Xénero: castanea Especie: castanea sativa É unha das árbores máis apreciada en Galicia tanto pola gran calidade da súa madeira como polo froito, as ricas castañas do magosto. Estes castiñeiros están en Forcarei, na segunda liña do río
Sendeiro entre castiñeiros preto do Almofrei, en Cotobade
Xunto á torre de Barciela (Forcarei) convivindo co seu amigo o carballo e os invasores eucaliptos
ÁLAMO TEMBLÓN ou populus tremula unha árbore da: Familia: salicáceas Orde: malpighiais Xénero: populus Especie: populus tremula Constitúe unha das máis comúns na segunda liña do bosque fluvial. É unha árbore moi grande e corpulenta. Esta atópase preto da Ponte do Burgo
Coas xemas prepárase un ungüento antihemorroides e ademais teñen propiedades diuréticas e sudoríferas
FREIXA ou fraxinus angustifolia Familia: oleaceae Orde: lamiais Xénero: fraxinus Especie: f. angustifolia Aparece con moita frecuencia tanto na beira do río como na segunda liña de bosque. A súa cortiza empregábase como tónico. A imaxe é dunha árbore nova da beira do Gafos
FREIXO (fraxinus excelsior). É moi parecido á freixa, pero ten as follas un pouco máis anchas e con peliños no envés. Pertence á: Familia: oleaceae Orde: lamiais Xénero: fraxinus Especie: f. excelsior Este exemplar está no paseo do río dos Gafos
PRADAIRO. Acer pseudoplatanus Familia: aceraceae Orden:sapindais Xénero: acer É unha árbore moi vistosa, de follaxe espeso aínda sendo nova como esta na beira do río Alba
A madeira do pradairo é clara e moi prezada para facer mobles, esculturas, instrumentos musicais e xoguetes. O seu froito, chamado sámara, semella unha bolboreta e voa ata moi lonxe. Follas e froitos teñen propiedades astrinxintes.
ABELAIRA, avelaira, avelán, abelaneira, abraira, abeladoira, abelán, abelao, abeleiro, avelairo, aveleiro con todos este nomes coñécese en Galicia ao Corylus avellana. Árbore da: Familia: betuláceas Orde: fagais Xénero: corylis Especie: corylis avellana A súa madeira, moi dura, ten moitos usos e o seu froito, a abelá é comestible e rico en calcio. Este exemplar atopámolo no río Tomeza
Din que as abeleiras axudan a curar o tangaraño dos meniños ao pasalos por baixo das pólas tres mulleres chamadas María. Tamén as pólas novas forman parte do ramo de San Andrés, que ten poder contra os maleficios e axuda a curar as enfermidades dos animais
Abelá. Das abelás extráese un aceite que ten moitas aplicacións xa que serve coma alimento, lubricante industrial, para o alumeado e na elaboración de perfumes, pinturas e xabón
Ilex aquifolium en galego ACIVRO, acibreiro, xardón ou escornacabras entre outros nomes. Pertence á: Familia: aquifoliáceas Orde: celastrais Xénero: ilex Especie: ilex aquifolium
A súa madeira foi moi prezada para facer tallas o mesmo que as súas follas que teñen propiedades purgantes e os seus froitos que serven de alimento a moitos animais por iso está prohibida a súa tala mais segue sendo collido especialmente no Nadal, para adorno. O seu froito é velenoso para os humanos
LOUREIRO. Nome científico laurus nobilis. Familia: lauraceae Orden: laurais Xénero: laurus Especie: laurus nobilis É moi abondo tanto na beira do río como nas proximidades. Ten unha madeira moi dura e aprezada e as follas empréganse en cociña para escabeches e para cocer marisco. Tamén ten propiedades medicinais, din que é bo para o reuma. Era o símbolo dos heroes e triunfadores e servía para escorrentar as meigas. Forma parte do ramo que se bendice o domingo de Ramos
Loureiro en flor en Xeve
Loureiro en Ponte Bolera, sobre o río dos Gafos
PLÁTANO. O seu nome científico é platanus hispanica porque en España foi coñecido moi pronto. É unha árbore da : Familia: platanaceae Orde: proteais Xénero: platanus Especie: p. hispanica Abonda nos xardíns públicos, prazas e paseos ou estradas pero tamén nas beiras ou proximidades dos ríos. Neste caso bordean o noso río pola marxe esquerda, no paseo de Bos Aires, camiño do noso barrio, Monte Porreiro
As follas son moi grandes, son verdes brillantes polo dereito e máis claras e con borra polo revés, alternas e caedizas. Os froitos son como boliñas con púas e non se comen
Novos exemplares
ULMEIRO, negrillo, lamagueiro, lamigeiro, llamagueiro, paparrois, son algúns dos nomes galegos do ulmus minor, unha árbore da: Familia: ulmáceas Orde: urticais Xénero: ulmus Especie: ulmus minor Na nosa zona é unha árbore decorativa que se plantou para dar sombra en parques e xardíns
ESTRIPEIRO, espiño. Crataegus monogyna. Este arbusto pertence á: Familia: rosaceae Orden: rosais Xénero: crataegus Especie: c. monogyna É moi frecuente na beira do río, este exemplar está preto da ponte do tren en Monte Porreiro
A madeira emprégase para facer mangos de ferramenta e outro útiles. As follas poden comerse en ensalada. As flores úsanse como tónico cardíaco, aparte de mellorar as arritmias e a tensión arterial. Tamén se utiliza para calmar a ansiedade
Estripeiro na beira do río
SABUGUEIRO, bieiteiro, baiteiro, sabugo, sauco, sabugiño e outros nomes recibe en galego o sambucus nigra, un arbusto cuxa clasificación é: Familia: adoxaceae Orde: dipsacais Xénero: sambucus Especie: sambucus nigra. Abunda nas marxes do noso río e dos seus afluentes porque lle gusta a humidade
É un arbusto do que se aproveita todo porque é rico en aceites, tanino, vitamina C, ferro, potasio e glucosa. A madeira, moi fácil de torcer e resistente á auga, serve para facer estacas para a viña e instrumentos musicais dende a época romana. Os rapaces, da xeración dos nosos avós, facían frautas e xoguetes con ela. A casca emprégase como laxante.
As follas cocidas son boas para facer cataplasmas para as almorranas. Empréganse tamén para espantar as moscas dos cabalos porque parece que nin a elas lle gusta o seu cheiro
As flores son hermaditas e en infusión úsanse para enfermidades de pulmón, bronquite, como expectorante, para a dor de gorxa e para o xarampón . Tamén se utiliza para a inflamación dos ollos e como purificador do sangue. No pasado foi utilizado polas mulleres para deixar a pel branca, suave e libre de imperfeccións. É moi común, aínda hoxe en día, pór flores na auga do baño para relaxación e para a pel cansa
Os froitos úsanse para darlle sabor ao viño e para escurecelo, tamén para dar sabor e cor a algúns doces porque cociñados son comestibles. Emprégase para facer aguardentes e en en Beerse, Bélxica, fan xenebra coas baias e cervexa Vlierke. En Brasil unha bebida chamada chá. Tamén para facer un tónico que abre o apetito e prevén os catarros e gripes
No pasado plantábase detrás das casas porque se cría que traía a prosperidade e que protexía ao matrimonio e aos seus descendentes de calquera mal
Sabugueiro vello no río dos Gafos
Árbores e arbustos introducidos e invasivos
Os PIÑEIROS enchen as ladeiras dos montes que baixan ao río. Son altamente combustibles e acidulan os chans
Piñeiros marcando liñas no fondo, máis aló das pontes, no velo da néboa
EUCALIPTOS, como os piñeiros foron “instalados” en todas partes. Teñen a “virtude” de secar mananciais e outras fontes de auga. Supoñemos que esa é a razón da súa implantación nas xunqueiras, neste caso na desembocadura do río Alba
Eucaliptos na Illa das Esculturas, antiga Xunqueira do Cobo
Eucaliptos na Xunqueira de Alba ou do Vao
As MIMOSAS son altamente invasivas e arredan a vexetación autóctona. Hai por toda a ribeira do río e polas dos seus afluentes, cada día máis. As súas fermosas e olorosas flores son perigosas para @s alérxic@s ao polén
Na beira do noso río, no noso barrio, tamén se pode ver este outro tipo de mimosa, a mimosa moura, que se distingue polas follas. A árbore é moito máis grande e forte
Está empezando a aparecer tamén esta variedade, é a mimosa persa, de momento moi localizada como planta ornamental nas rúas e xardíns
Coas falsas ACACIAS ou robinias ocorre o mesmo que coas mimosas, tamén son importadas e invasivas, reprodúcense con moita facilidade e non deixan medrar especies autóctonas. As flores son moi aromáticas e empréganse en alta perfumería
O froito, como a cortiza, é moi velenoso, pero a madeira e dura e boa para facer mobles entre outras cousas. Acacia no paseo do Gafos
Vella raíz de acacia rebrotando despois de cortada e mutilada a árbore
Tronco de acacia no río dos Gafos
by Biblioiris2bibliotec | Added: 9 months ago
Language: Galician | Topic: Education
| 41 Views | 11 Downloads | 7 Embeds |
Summary: Traballo Guía do río LÉREZ
| URL: |
No comments posted yet
Comments