ciclo_auga

0

No comments posted yet

Comments

Slide 1

O CICLO DA AUGA

Slide 2

O CICLO DA AUGA A auga que nós bebemos hoxe é a mesma que beberon as persoas prehistóricas ou os dinosauros. Cando a Terra se formou, hai catro mil cincocentos millóns de anos, xa tiña no seu interior vapor de auga.

Slide 3

O CICLO DA AUGA A auga está en constante circulación nos seus tres estados: sólido, líquido e gasoso. A esa circulación da auga chamámoslle ciclo da auga ou ciclo hidrolóxico. A maioría da auga que hai no noso planeta, encóntrase almacenada nos océanos. Neles está máis do 95% da auga.

Slide 4

FASES DO CICLO Evaporación. Co calor do sol, evapórase a auga, tanto a do océano como a da superficie terrestre ou dos seres vivos (transpiración e suor). A maior parte da auga que pasa á atmosfera na evaporación, provén dos océanos e os cursos de auga (un 90%). O 10% restante provén da transpiración dos seres vivos. Unha vez evaporada, unha molécula de auga permanece arredor de 10 días no aire.

Slide 5

FASES DO CICLO Condensación. A auga en forma de vapor sube e condénsase (volve ao estado líquido), formando nubes. Tamén nos días de ceo despexado hai auga na atmosfera, auga en forma de vapor e gotas que non podemos ver polo seu minúsculo tamaño.

Slide 6

FASES DO CICLO Precipitación. Cando as gotas de auga que forman as nubes arrefrían, acelérase a condensación, formándose gotas maiores que acaban por caer á superficie terrestre polo seu peso. Para producir unha gota de chuvia, é preciso que se xunten moitas gotas de nube. As precipitacións poden ser de

Slide 7

FASES DO CICLO Almacenamento. A auga caída ao chan almacénase en forma de neve, lagos, ríos, e no océano. A auga que está almacenada no xeo, na neve ou nos glaciares, tamén forma parte do ciclo da auga. Da masa de xeo que hai no planeta, arredor do 90% encóntrase na Antártida. Esta auga flúe cara os cursos de auga cando se produce o desxeo.

Slide 8

FASES DO CICLO Escorrentía. Outra parte da auga caída nas precipitacións deslízase pola superficie do terreo. A escorrentía é un importante axente de erosión e transporte de sedimentos.

Slide 9

FASES DO CICLO Infiltración. Unha parte da auga que chega ao chan, penetra neste, pasando a ser subterránea. Dependendo da permeabilidade do chan, da pendente, e da cobertura vexetal, a proporción de auga que se infiltra será maior ou menor. A circulación da auga subterránea é o equivalente subterráneo da escorrentía superficial.

Slide 10

FASES DO CICLO NEVE CHUVIA EVAPORACIÓN PRECIPITACIÓNS CONDENSACIÓN FILTRACIÓN AUGAS SUBTERRÁNEAS MANANCIAIS SARAIBA Mediante a escorrentía e a circulación subterránea, moita da auga caída nas precipitacións volve ao océano, comezando de novo o ciclo de circulación da auga. Vídeo.

Slide 11

O CICLO DA AUGA As actuacións humanas, manipulando as canles, utilizando grandes cantidades de auga para o consumo, explotando augas subterráneas, e emitindo enormes cantidades de residuos contaminados á auga, están alterando o balance hidrolóxico, que ata agora mantiña un equilibrio.

Slide 12

O CICLO URBANO DA AUGA Diariamente consumimos auga para moitos usos: dende a ducha da mañá ata a que bebemos, pasando pola que se utiliza para limpar ou regar, estamos constantemente utilizando unha parte desa auga que a natureza ten en permanente circulación no seu ciclo hidrolóxico. Esta auga que usamos ten tamén o seu propio ciclo, que vai da súa captación no medio ata a súa devolución ao mesmo unha vez utilizada.

Slide 13

O CICLO URBANO DA AUGA: ABASTECEMENTO A primeira fase do ciclo urbano da auga é a captación desta no medio natural. A auga cóllese dos acuíferos subterráneos, ou de ríos, lagos e encoros.

Slide 14

O CICLO URBANO DA AUGA: ABASTECEMENTO A auga que collemos do medio natural, normalmente non é potable. Antes de utilizala para o noso consumo, é preciso potabilizala. Por iso se leva á planta de potabilización, onde é sometida a procesos físicos (decantación, filtración) e químicos (cloración) que a volven apta para o consumo.

Slide 15

O CICLO URBANO DA AUGA: ABASTECEMENTO Unha vez potabilizada, a auga lévase ata depósitos onde se almacena, e desde os que, posteriormente, se distribuirá á poboación por medio da rede de abastecemento.

Slide 16

O CICLO URBANO DA AUGA: ABASTECEMENTO 1. A AUGA DOS RÍOS ACUMÚLASE EN ENCOROS 4. AS TUBERÍAS LEVAN A AUGA ÁS CASAS 3. A AUGA, XA POTABLE, ALMACÉNASE EN DEPÓSITOS 2. MEDIANTE TUBERÍAS, LÉVASE Á PLANTA POTABILIZADORA

Slide 17

O CICLO URBANO DA AUGA: SANEAMENTO Despois de utilizada, a auga é recollida na rede de sumidoiros. Os sumidoiros recollen, ademais da auga que utilizamos nas casas, a auga da chuvia, e os residuos procedentes das industrias.

Slide 18

O CICLO URBANO DA AUGA: SANEAMENTO Para un bo funcionamento do sistema de depuración, é conveniente que se faga unha separación de augas residuais: as procedentes do consumo doméstico por un lado, as da chuvia por outro, e as procedentes das industrias separadas das anteriores, xa que as características dunhas e outras son moi diferentes. Ademais, as augas residuais procedentes das industrias, deben ser tratadas en orixe, para evitar que a presenza de substancias químicas obstaculice o proceso de depuración posterior.

Slide 19

O CICLO URBANO DA AUGA: SANEAMENTO Antes de devolvela ao medio natural, a auga recollida nos sumidoiros é levada a unha depuradora, onde se eliminan as impurezas acumuladas nela por medio de distintos procesos físicos e químicos. Estes procesos pódense ver obstruídos se as augas residuais teñen un contido alto en produtos químicos. A eliminación de impurezas é importante para diminuír, na medida do posible, o risco medioambiental. Como funciona unha depuradora.

Slide 20

O CICLO URBANO DA AUGA: SANEAMENTO Nos lugares onde o proceso de saneamento se fai ben, separando as distintas augas residuais e someténdoas aos tratamentos adecuados, a auga pode reutilizarse de novo. Non é potable, pero hai moitos usos para os que serve:

Slide 21

O CICLO URBANO DA AUGA: SANEAMENTO Por último, a auga que non se aproveita é restituída ao medio natural, río ou mar, ás veces mediante emisarios submarinos que a levan lonxe das nosas costas. O feito de botala lonxe non debería tranquilizarnos respecto ao contido das augas residuais. Canto máis eficaz sexa o proceso de depuración, menor será a carga contaminante que estas augas residuais levan á natureza. Recordemos que é da natureza de onde vai saír a auga que imos beber novamente. Canto máis a coidemos, máis estaremos asegurando a sustentabilidade deste recurso vital.

Slide 22

CICLO URBANO DA AUGA

Slide 23

BOAS PRÁCTICAS Podemos contribuír ao equilibrio do ciclo hidrolóxico de dúas maneiras:

Slide 24

O NOSO PAPEL: CONSUMO RACIONAL Algúns consellos para aforrar auga: Dúchate en vez de bañarte, consume moitísima menos auga. Utiliza perlizadores nas billas: terás o mesmo confort con menos auga. Non deixes a billa aberta se non é preciso. Mentres cepillas os dentes ou enxaboas as mans, pode estar pechada.

Slide 25

O NOSO PAPEL: CONSUMO RACIONAL Hai modelos de cisternas que usan menos da metade de auga, co mesmo resultado. Outra boa opción é introducir unha botella chea de auga na cisterna: aforras esa cantidade de cada vez que tiras da cisterna. Non uses o retrete como papeleira. Iso pode supoñer un aforro de ata 55 litros diarios. Ollo coas billas que pingan. Poden supoñer un gasto de case 200 litros ao mes.

Slide 26

O NOSO PAPEL: CONSUMO RACIONAL Lavar os pratos nun recipiente cheo de auga, en lugar de coa billa aberta, pode supoñer un aforro de máis de 100 litros cada vez. Se usas lavalouzas, pono só cando estea cheo. Unha lavadora con programa de baixo consumo de auga pode supoñer un aforro de máis de 100 litros por lavado.

Slide 27

O NOSO PAPEL: CONTROL DOS RESIDUOS Tan importante como un consumo racional da auga, é controlar as nosas augas residuais e o que vai nelas. Os deterxentes de lavadoras e lavalouzas conteñen fosfatos e sales que poden afectar ao funcionamento das plantas depuradoras. Usa só a dose mínima recomendada! Non esquezas que o que botas polo sumidoiro vai para o ciclo hidrolóxico do que te abastecerás mañá.

Slide 28

O NOSO PAPEL: CONTROL DOS RESIDUOS Ollo coas pinturas e disolventes. Poden conter metais altamente contaminantes, que non poden ser eliminados nas plantas depuradoras, e ademais poden afectar ao seu funcionamento. Se non os vas usar máis, lévaos ao punto limpo do teu concello. Os medicamentos teñen compostos que, ao contacto coa auga, poden provocar reaccións químicas imprevisibles. Na farmacia teñen un punto de recollida de medicamentos caducados, lévaos alí.

Slide 29

O NOSO PAPEL: CONTROL DOS RESIDUOS Non botes residuos sólidos no retrete. Tiritas, compresas, bastoncillos…obstrúen os sumidoiros e poden provocar problemas nas plantas depuradoras. Bótaos ao lixo! Un litro de aceite usado pode contaminar ata 400.000 litros de auga. Non o botes polo sumidoiro! En moitos supermercados hai recipientes de recollida de aceites. Se non, podes levalo ao punto limpo do teu concello. Infografía sobre recollida de aceite usado.

Slide 30

O noso papel no equilibrio do ciclo hidrolóxico é fundamental. Xoga limpo!

Slide 31

CRÉDITOS. Para a realización deste traballo, utilizáronse imaxes con licenza Creative Commons. Pinchando na ligazón accédese ao documento de créditos, onde se recolle a autoría de cada unha das imaxes utilizadas.

Summary: Presentación de diapositivas sobre o ciclo da auga, incluíndo o ciclo urbano da mesma.

Tags: auga ciclo

URL:
More by this User
Most Viewed